Tralo primeiro mes de escavación, despois de retirala capa vexetal, e entullos de derrubes, comezaron a verse as estructuras de vivenda na cara sur de Santomé, a que baixa até o río Loña. Tamén moitos e variados achádegos, entre eles, os que non encaixan cas poboacións galaica e romana do castro, son varios "protobifaces" que parecen indicar a existencia dunha poboación humana moito máis antiga, na Prehistoria.
Eses achádegos coñecense tamén como "líticos tallados" pois son coios tallados, e quedan pendentes das análises que permitan datalos, é decir, situalos na época que lles corresponde, probablemente lonxe dos séculos I-IV despois de Cristo, e cara atrás.
Apareceron tres, até o momento, dos que dous saíron da terra baixo un refuxio natural con varios penedos que forman unha especie de coviña.
Até o museo arqueolóxico comezan a chegar caixas e bolsas de achádegos "siglados" (identificados co código do xacemento e número da unidade estratigráfica na que apareceron) que son etiquetados e rexistrados para seu estudo posterior, si se considera que poden aportar información interesante.
Entre esas pezas de interés están estes tres "protobifaces". Veremos se aparecen máis, e esperaremos resultados.