Venres. 29.03.2024
Hora e media de camiño para 2000 anos de historia

Santomé ten un Camiño...e varias sendas

O roteiro circular entre Mende e a minicentral de Tibiás pasa polos municipios de Ourense e Pereiro de Aguiar, e leva até o conxunto arqueolóxico e natural de Santomé que está na raia entre ambolosdous

roteiropuntos1b
Roteiro circular polas duas beiras do río Loña

O conxunto arqueolóxico natural de Santomé é un nó de comunicacións no que conflúen vellas sendas de pescadores, conexións entre estradas e pobos como Velle, Sabadelle e Mende, e unha "costa romana" totalmente empedrada que en realidade é medieval, porque a primeira documentación que deixa constancia da sua existencia é do ano 1153.

Ese camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba a actual cidade de Ourense (asentamento militar romano nos seus comezos) con outras vías dos primeiros séculos da era cristiá, que ían até Braga, Astorga e Monforte de Lemos. Todo elo aparece citado en fontes documentais medievais.

O río Loña vertebra hoxe un percorrido que permite coñecer todo o entorno no que viviron galaicos e romanos hai 2000 anos, no que deixaron tantos vestixios na beira dereita, no couto coñecido como "Erbedal" polos veciños da aldea actual de Santomé. E na beira dereita leva até as construccións do século XX da "presa negra", o encoro de Castadón e a minicentral de Tibiás, que tén moi preto un muiño tradicional sobre o río.

Camiñantes e ciclistas fan cada día un percorrido directo entre o centro escolar de Mende e a zona arqueolóxica. Propoñemos outro circular, de hora e media de camiñata, que sae tamén, e remata, no centro escolar.

Pola beira esquerda, si se camiña augas arriba, cruzamos un barrio de Mende formado por casas sustentadas en grandes piares para salvar o desnivel co río. No mirador remata o tramo con firme de formigón e comeza a camiñanta por senda estreita de terra.

Esta senda é unha das utilizadas nos momentos en que se constuiron a "presa negra", o encoro de Castadón e a presa de Tibiás, e despois foron o acceso para os pescadores. Permiten ter vistas do río e da beira contraria, dende diferentes alturas. As fervenzas e "marmitas de xigante" do cauce son o atractivo deste tramo, sobre todo en primavera, até chegar ó encoro de Castadón.

O camiño proposto rodea esta presa, por zonas con e sen árbores, cruza o río na minicentral de Tibiás, e permite camiñar pola sombra do bosque mediterráneo até o castro. E dende aí, o camiño cruza a aldea de Santomé e chega até a costa "romana" que conduce ó remate do roteiro, no centro escolar.

O percorrido completo require ir preparad@ co calzado acaído, pois pode haber pequenas correntes de agua sobre a senda, e moita humidade na canle de pedra que rodea o encoro e polo que hai que ir sorteando algún obstáculo.

Este camiño circular é unha pequena viaxe por construccións contemporáneas e antigas, por sendas de terra, de formigón e de pedra, por bosque mediterráneo ben cerca do océano Atlántico, e por varios miradoiros sobre a paisaxe natural e sobre a cidade de Ourense, a tres kilómetros.

Percorrido: Hora e media. Proposta de varias etapas para facer paradas dende lugares con vistas de interés.

Se por riba te paras a facer fotos e gozar cada etapa, pode levar até catro horas.

Santomé ten un Camiño...e varias sendas