luns 21/09/20
A chave que abre a cidade a persoeiros ilustres

Onde está a chave, matarile....

Achádego arqueolóxico que trocou en símbolo da cidade, tamén pola posible conexión entre a súa orixe urbana e os castros poboados que a circundan

chave orixinal restaurada
chave orixinal restaurada

Ourense ten unha chave que non abre ningunha porta, e as abre todas, de xeito simbólico.

Esa chave apareceu en 1971 no entorno do castro de Santomé. O seu atractivo non está no lugar concreto, do que non quedou constancia, nin na súa orixinalidade, que non a ten, senon na súa viaxe no tempo. Así, é un elemento que tamén deixa constancia da proximidade e vencello entre a cidade de Ourense, nunha burata, e poboadores que vivían en castros moi preto dela, nos outeiros que a circundan.

Foi elaborada e utilizada como elemento de seguridade nunha vivenda de época galaico-romana, entre os séculos I e IV da nosa era. De achádego arqueolóxico deu un chouto de séculos para aterrar directamente no eido institucional, para simbolizar a apertura da cidade a aqueles persoeiros que a reciban das maos do alcalde.

O Goberno local acordou o 30 de xullo de 1973 que fose símbolo da cidade. Exerceu pouco como tal até o momento, pois só lle foi entregada a duas persoas: primeiro ó rei Juan Carlos I, o 27 de xullo de 1976, durante a súa xira de presentación como monarca por toda España. A segunda, o que recibiu unha copia do trebello foi o conselleiro Xosé Cuiña, o 22 de xuño de 2000.

 

É unha chave de ferro bastante puro, denominado "ferro pudelado", de casi 14 cm de longo, que se fixo cun proceso de sucesivos quentamentos a 800 graos Celsius e arrefriamentos.

Foi atopada por Manuel Blanco Guerra, que era daquela concelleiro de Ourense e afeccionado á arqueoloxía, e tralo seu estudo, a chave pasou por un tratamento de eliminación de residuos, consolidación e protección para poder conservala.

Tamén se lle fixo un molde de silicona e unhas cantas réplicas para a súa entrega oficial ás visitas que o Pleno municipal considere merecentes.

 

E onde está?

A chave orixinal, o molde e as réplicas están custodiadas no Concello de Ourense. E nunca estivo no fondo do mar....nin tan sequera do río Loña.

chavemolde

Se queres saber máis, podes facerte co libro "A chave romana da cidade de Ourense", escrito polo restaurador do trebello, Carmelo Fernández Ibáñez, editado polo Concello de Ourense en 1994.

Ten moitas ilustracións que fan que se comprenda a estrana forma das chaves máis antigas.

Onde está a chave, matarile....
comentarios