sábado 28.03.2020
Século III: precedente da calefacción doméstica

O "trébede" que caldeou Santomé foi innovador

Trébede no barrio norte de Santomé (século III- IV d.de C.)
Trébede no barrio norte de Santomé (século III- IV d.de C.)

As sucesivas campañas de escavación en Santomé, durante a década dos 80 no século pasado, deixaron ó descuberto estruturas e xeitos de vida con moito significado arqueolóxico e cultural, na zona norte. As primeiras atopadas foron as máis recentes, as de época tardorromana ou "baixoimperial" correspondente a unha parte do século III a. de C., e debaixo destas, as máis antigas, do século I d. de C. Nas tardorromanas apareceron as primeiras sorpresas.

As publicacións sobre os resultados deses traballos, e algúns dos seus protagonistas, destacan un sistema de calefacción que resulta innovador respecto ó que se coñecía doutras instalacións de época romana.

O que abunda en xacementos arqueolóxicos galegos son restos do sistema de "hipocausto", no que se caldeaba unha vivenda queimando restos vexetais (madeira, pallas, ponlas) nun oco, e expandindo fumo e calor por unha especie de cámara construida baixo o chan.

En Santomé, o muro norte dunha estancia do século III d. de C., ten unha "boca de alimentación" construida con laxas, cara o exterior, na que os poboadores puñan madeira ou palla para queimala. No interior da mesma habitación se ve un "falso banco" construido sobre o chan e pegado á parede, con dúas fieiras de ladrillos, unha delas colocada en vertical sobre o chan e outra como cuberta.

Este banco oco conducía o fumo e calor xenerado na "boca de alimentación" por toda a estancia e, no extremo contrario, deixaba saír o fumo.

O sistema de calor é semellante pero diferente ó "hipocausto": non é soterrado, senón que se construíu sobre o pavimento así que o banco oco resultaría máis doado de instalar.

Por riba, este novo sistema (respecto o xeralizado naquela época) chamado "trébede", non tivo evolución nas casas tradicionais de Galicia, pero sí se mantén vixente aínda na actualidade, en vivendas rurais de Castela, na zona de Terra de Campos.

Nas casas galegas, a evolución dos sistemas de calor derivou nas lareiras, abertas e de diferentes tamaños. Tamén podemos pensar no actual sistema de calor radiante a través do chan, e voltaremos en orixe ó "hipocausto".

Dín @s que saben que todo parece estar inventado. O coñecemento do "hipocausto" e do innovador "trébede" parecen valer de argumento para esa afirmación. A vista está, no barrio norte de Santomé.

Trébede tal como se atopou en Santomé no século XX, e reproducción do seu aspecto inicial

Sistema de calefacción "trébede" atopado en Santomé e reproducción do seu aspecto orixinal.

Dibuxo de Paco Boluda

O "trébede" que caldeou Santomé foi innovador
comentarios