Venres. 19.04.2024
Visitable na sala do museo arqueolóxico Escolma

O cabalo é arte en Santomé

O "cabaliño de Santomé" é un broche de cinto que aporta información sobre o seu propietario que podería ser un funcionario da administración, marcado por certo prestixio social

dig
Broche de cinto: "o cabaliño de Santomé"

Entre os achádegos da época do "descubrimento" do castro de Santomé, nos anos 70 do século XX, o broche de cinto con forma de "cabaliño" metálico é o que trocou en logotipo das diferentes campañas de escavación nese conxunto arqueolóxico e natural.

O seu estudo deu pé a unha tipoloxía de broches de época tardorromana (dende mediados do século IV d. de C. en adiante) denominada "tipo Santomé". Os broches romanos de cinto eran parte fundamental do traxe militar romano, e pechaban un cinto no que se penduraba unha espada, pero despois pasaron a uso civil.

O "cabaliño de Santomé" é resultado dun traballo moi polo miúdo, no que o artesán definiu diferentes zonas anatómicas do animal con trazos propios, e o mesmo fixo cos adornos da montura.

Esta pequena obra de arte (colle nunha mao) ten forma de cabalo movéndose ó paso, enmarcado por arriba e por abaixo por sendas barras con apéndices e pódese ver na exposición permanente que o Museo Arqueolóxico de Ourense ten na sala "Escolma de Escultura" en San Francisco, entre o camposanto e o antiguo albergue de peregrinos.

Para saber máis deste e doutros broches:

#Santoméhttp://www.musarqourense.xunta.es/xacementos/santome/

O cabalo é arte en Santomé