Venres. 19.04.2024
A cercanía dun río era indispensable para os poboados castrexos

Loña, o río de Santomé

O río, que nace en Loña do Monte, atravesa no seu percorrido de algo máis de 20 quilómetros os concellos de Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e Ourense, para desembocar no río Miño.

Desde o miradoiro que existe no Conxunto Arqueolóxico Natural de Santomé cara ao río Loña, podemos observalo en dous estados moi diferentes. A presa de Castadón fai que as augas estén mansas, máis unha vez superado este encoramento, o terreo vólvese repentinamente agreste e rochoso.

É nesta zona onde podemos identificar claramente os elementos de erosión que a auga, xunto con outros elementos de arrastre como area ou pequenas pedras, provocan na rocha, formando as coñecidas como cavidades de remuíño, paleiras, ou máis coloquialmente, marmitas de xigante. 

LoñaMarmitas de xigante do río Loña

Seguindo augas abaixo o río volve a tranquilizarse desde Mende ata a desembocadura no río Miño, e podemos seguir o seu percorrido dun xeito moi agradable por unha senda ao seu carón na que destacan a ponte medieval e unha moderna pasarela moi preto da súa desembocadura.

Augas arriba tamén hai outro espazo de ocio vinculado ao río Loña, o encoro de Cachamuíña, que ademáis de ser o lugar de abastecemento de auga para a cidade de Ourense, conta con diversos camiños, xogos biosaudables, espazos de esparcemento e esculturas. Entre Mende e Castadón tamén é posible seguir o curso do río a través dunha senda, desta vez algo máis esixente, coñecida como a senda da presa negra.

Para os habitantes castrexos e romanos de Santomé, o río Loña era clave no seu abastecemento, tanto de auga como de peixe, e así o seguiron usando ata non fai demasiados anos os habitantes da aldea de Santomé, que ademáis o utilizaban para regar as súas fincas, lavar a súa roupa, ou para combatir as calores do verán. 

Loña, o río de Santomé