luns 21/09/20
Aparecen espazos peculiares e ben definidos

Colapso por incendio?

Un nivel de terra queimada baixo os derrubes e varias ferramentas e utensilios domésticos atopados ben colocados no chan, dan pistas do que puido ocurrir no espazo das columnas, nomeado como "K"

Fotografía con dron da zona dos actuais traballos
Fotografía con dron da zona dos actuais traballos

O desenvolvemento dos traballos da escavación e o seu rexistro, cínguense ao sistema xeral de cuadrículas do castro, pero según avanzamos, aparecen muros e estructuras que van delimitando espazos ben definidos, coas súas peculiaridades e características concretas.

Por ese motivo imos identificando eses espazos con letras por orde alfabética van aparecendo, para diferencialos do sistema numérico que se utiliza para as cuadrículas e para as unidades estratigráficas. A lectura deses espazos é máis doada así, tanto na fase de rexistro como na posterior de interpretación.

E entre eses espazos, xa podemos distinguir dous ben singulares, aos que lles tocou chamarse "I" e "K". Ambolos dous están situados no sector central, e limitados cara o norte por sendos afloramentos de rocha nai.

O espazo "I"

Identifícase co interior dunha estructura cuadrangular, achegada aos penedos que a separan do sector norte, o primeiro que se escavou.

Baixo os primeiros derrubes xerais, xa retirados en toda a zona, chamou a atención o maior amoreamento de tégula (tella romana), que por riba é de gran tamaño e sen rodar, o que indica que estamos diante dun derrube "primario": as tégulas están hoxe onde caeron naquel momento e todo o que se atope debaixo, tamén.

Todo parece indicar que a cuberta dese espazo "I" colapsou, e ao caer selou todo o que había no interior. E todo eso agarda aínda a ser descuberto. Pero a escavación do exterior deste espazo xa nos permite ver certas peculiaridades.

 Destaca unha ventaíña inferior que identificamos como sistema de aireación ou de illamento (unha especie de cámara de aire con chan sobreelevado para separalo da terra e reducir humidade, tal vez). Este elemento ten paralelos morfolóxicos ben estudados en Castromao (Celanova), Arxeriz (O Saviñao, Lugo) ou Outeiro do Castro (Xunqueira de Ambía). A presenza deste elemento de illamento fai pensar nunha construcción de certa importancia. Cando se escave o seu interior poderáse definir mellor.

O espazo "K"

Este parece ser un espazo aberto, ou semiaberto, pois a gran concentración de columnas e basas nos derrubes que o cubrían, fan pensar nun espazo porticado. E xa levamos 6 columnas descubertas nel.

A incertidume na lectura deste espazo, con ata cinco niveis de derrubes indivudualizados, vaise aclarando: localizouse un potente nivel de terra queimada baixo nos niveis de cahcote revolto e terra en arrastre, deitado con seguridade sobre o nivel de ocupación orixinal.

Ademáis apareceron nese nivel numerosos obxectos cotiáns: unha maza, un pico, unha lanza, un sachiño (todos eles de ferro), puntas de frecha (algunha a medio facer), caldeiros de bronce, un muíño completo, unha pía, un fogar.

Son obxectos e estructuras que non son estranos neste nin en outros castros da época, pero sí resulta pouco habitual atopalos máis ou menos ben dispostos sobre o chan, o que reforza a hipótese dun colapso repentino provocado, tal vez, por un incendio dunha posible forxa ou ferrería.

Aínda quedan cousas por definir e por escavar nesta área, pero hai espazos que requiren xa unha maior atención pola súa gran potencialidade arqueolóxica. Os espazos "i" e "K" prometen facerse famosos e dar moitas alegrías.

Espazo das columnas que xa chamamos K, dende os penedos que o limitan

Espazo das columnas, chamado "K", dende os penedos que o limitan polo Norte.

Colapso por incendio?
comentarios