luns 21/09/20
O director da escavación conta polo miudo os preparativos e primeiras impresións

Primeiro mes en Santomé Sur

Trinta días con climatoloxía variada, sol e auga a partes iguais, e o equipo de arqueó[email protected] e restauradores xa deixou á vista a zona máis descoñecida, até agora, do Conxunto Arqueolóxico Natural de Santomé. E as sorpresas non fixeron máis que comezar.

 

Sector central da escavación de 2019, zona oeste (W), Dereita e abaixo, zanxa de 1990
Sector central da escavación de 2019, zona oeste (W), Dereita e abaixo, zanxa de 1990

A campaña do ano 2019 en Santomé céntrase na aba Sur do castro, ao redor dunha área escavada en 1990 e na que unha desconcertante superposición de estruturas non deixou nada clara a explicación da mesma.

A actual escavación amplía esta área ata case os 400m2, abrangue ata tres terrazas delimitadas por afloramentos rochosos naturais, aproveitados tamén como apoio para parte das estruturas xa visibles, ou por muros de contención construídos polos poboadores romanos para nivelar os terreos traseiros e facelos aptos para vivir.

O obxectivo da actual campaña é documentar ante que tipo de ocupación estamos, aclarar a secuencia e superposición de estruturas localizada na escavación precedente e ver como se relaciona cronolóxicamente cos outros sectores escavados do poboado.

Na intervención actual emprégase de novo a cuadriculación xeral do xacemento realizada durante as primeiras escavacións, e que serviu dende entón como referencia nas intervencións posteriores.

Por outro lado o sistema é o de excavación en área, con delimitación de unidades estratigráficas (UE) completas, combinando e adaptando deste xeito o sistema de cuadriculación para referenciación espacial xeral de cuadrículas de 5x5m, coa xeorreferenciación detallada de cada UE.

Cada unha destas UE debe ser lida estratigráficamente en relación coas súas veciñas, así como os muros, interpretando a súa secuencia cronolóxica.

O material que se vai atopando dentro de cada UE (ben sexan cerámicas, líticos, metáis, etc.) é recollido en bolsas individuais, o que servirá, logo do seu estudo, para tentar contextualizar cultural e cronolóxicamente cada un dos estratos escavados e así ir completando as follas do libro que supón a interpretación dos datos derivados da excavación arqueolóxica.

Pero para poder abordar todo este proceso foi preciso facer unha preparación da zona de intervención. As actuacións previas incluiron a retirada de milladoiros de pedras procedentes das escavacións antigas, dos anos 60 e 90. Tamén se realizou unha roza de vexetación e unha tala selectiva daquelas árbores que puideran facer perigar a estabilidade das estruturas arqueolóxicas e o bo discorrer dos traballos.

Retirados os milladoiros e os derrubes superficiais, asomaron xa as primeiras estruturas, pendientes de

identificar co avance dos traballos.

2sectorcentralbSE

Sector central, caro o E, onde aparece unha casa adosada ós penedos

Tres espazos aterrazados ou socalcos

Temos agora un área de traballo que se estende por unha aba de forte pendente sobre o río Lonia. Con toda razón estes terreos ladeiros tiveron que ser aterrazados para facer posible a ocupación humana dos mesmos. Xa se fai moi evidente a división en tres socalcos, que marcan tres sectores ben diferenciados:

- O sector superior ou N  (por ser o que está máis ó norte) marcado por un afloramento rochoso, hoxe fracturado, que crea un aterrazamento traseiro no que quedou á vista un muro con orientación E-W que define un espazo alongado.

Cara o SE descende pola ladeira, rodea os afloramentos naturais de rocha e ábrese cara o segundo sector.

- O sector central, abrangue xa parte da área escavada en 1990, e está delimitado por un groso muro de contención, polo que discorre hoxe un dos sendeiros que serpentean no castro. Por él esténdense visibles niveis de derrubes arqueolóxicos con moita tégula, polo que en teoría corresponden a estruturas visibles pero non escavadas, de época romana.

Baixo os penedos que o separan do sector N, defínense (baixo os derrubes) varios muros duna casa adosada a eses penedos.

 O seu limite W márcao de novo un elevado afloramento, sobre o que tamén se ven xa construcións antigas.

Nestes sectores norte (ou superior) e central, e no alto dos afloramentos que limitan o segundo polo W, estiveron os traballos das primeiras semanas.

Estamos diante dun sector de forte ocupación, cunha orientación sur, moi soleada, e de dominio sobre o río inmellorable, inda que é cedo de máis para tirar conclusións. O avance das escavacións irá marcando o fluxo de información.

Falaremos do sector inferior cando os traballos se desenvolvan nel.

Primeiro mes en Santomé Sur
comentarios