Xoves. 28.03.2024
O barrio sur tivo sorpresas soterradas até o final

Primeiro lagar e despois vertedoiro

No mesmo socalco do espazo K e a poucos metros, quedou a vista un sorprendente espazo J con chan impermeable e soterrado baixo unha boa capa de anacos cerámicos
Espazo J que foi lagar e despois vertedoiro
Espazo J que foi lagar e despois vertedoiro

No sector superior do barrio Sur de Santomé, o espazo K acaparou a atención durante días pola sucesiva aparición de achados de interese.

Nas pasadas semanas, o sector inferior aportou un trisquel e outras pezas de certo interese e foi quedando cara o final o desentullo nos espazos "I" e "J", de novo no sector superior.

No espazo I  atopouse unha canle central cuberta de pedras que o cruza polo medio, e unha xaneliña nun muro lateral. Pero no seu veciño J, a canle central parece ter continuidade nunha pedra lavrada cun rego que comunica as duas estancias. En I quedou ó descuberto un anaco de "opus signinum" (chan "hidráulico" ou construido para conter líquidos) pero os traballos no J sacaron a luz un pavimento completo dese material impermeable. Xa podemos falar da existencia dun lagar. Imposible, polo momento, concretar si destinado a viño ou a aceite.

Antes de chegar a el, recolléronse moitos anacos cerámicos de diferentes tipos, polo que a primeira conclusión é que ese espazo foi lagar e despois vertedoiro de lixo. Nese "lixo" de diferentes épocas (hai decoradas con motivos "indíxenas" e outras claramente romanas), hai anacos de cerámica de cociña variada, como tapadeiras, xarras e olas, pratos...

O traballo arredor deles é, agora, siglar e buscar encaixes, pois algúns son da mesma peza, como ese gran morteiro da fotografía.

Morteiro e anacos de cerámica de cociña atopados sobre o chan do lagar

Primeiro lagar e despois vertedoiro