Xoves. 28.03.2024
A revista dixital será punto de información sobre a escavación 2019 e toda a historia de Santomé desde o século I

TVTELAE. A revista de Santomé

Toma o seu nome dunha divinidade á que se lle adicou unha ara votiva que se achou no ano 1971 facendo de pé dunha escaleira na veciña aldea de Santomé

TVTELAE
Detalle da inscrición TVTELAE

No ano 1971 Manuel Blanco Guerra descubriu por casualidade unha ara votiva facendo de pé dunha escaleira na que se apoiaba un puntal que sostiña unha parra na aldea de Santomé. A propietaria, Francisca Fernández, contoulle que se trouxera desde o castro uns 50 anos atrás, que fora desenterrada a certa profundidade e que estaba asentada sobre ladrillos e a carón dunha vasilla enteira.

Unha ara de 62 centímetros de altura e 46 centímetros de ancho, cunha inscripción moi deteriorada na que do pouco que se pode asegurar con certeza é a sua adicación a TVTELAE, foi o primeiro achádego realizado en Santomé e o que foi o inicio do interese por este lugar.

Ara Tvtelae
Fotografía cedida polo Museo Arqueolóxico Provincial                                                                       

No 2019, no marco da escavación promovida polo Museo Arqueolóxico de Ourense, financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio e executada por Breogán Arqueoloxía; nace esta revista, TVTELAE, para continuar a divulgar todo o coñecemento obtido no Conxunto Arqueolóxico Natural de Santomé e así poñer en valor este espazo e a súa historia.

A deusa Tutela, claramente feminina no Imperio Romano, parece atoparse con mencións masculinas noutras inscricións votivas previas, o que parece sinalar a asimilación dun deus indíxena ao panteón romano. O que si está claro é que se trata da personificación dun numen protector de lugares e/ou persoas, e que acostuma a estar vinculado a lugares próximos a masas de auga.

Que TVTELAE nos axude na nosa labor!

Máis información:

Ficha da Ara no CERES

El culto a Tutela en Hispania

El culto a Tutela en la Asturias antigua

TVTELAE. A revista de Santomé