venres 27/11/20
Unha breve guía da vexetación de Santomé

Santomé tamén é natureza

Unha amplia variedade de vexetación autóctona e as súas características xeomorfolóxicas fan de Santomé un lugar de interese natural, que unido aos restos escavados o converten en Conxunto Arqueolóxico Natural, unha das razóns polas que dicimos que é "máis que un castro"

Vexetación Santomé
Vexetación Santomé

"Érbedo, fento, cerquiño, loureiro,
matapulgas, uva de can, agaranzo, corticeira
canafrecha, pelo de raposo, carpaza moura, castiñeiro,
azoutacristos, herba das doas, fento das boticas, toxo gateiro,
herba pelegrina, orella de frade, caraveliña de Planellas, herba dos torneiros."

Neste pequeno poema noméanse 20 das arredor de 50 especies vexetais que se poden atopar en Santomé e que o converten nun espazo de gran valor natural, motivo polo cal se recoñece non só como un importante castro senón como Conxunto Arqueolóxico Natural, e todo a menos de 3 quilómetros da cidade de Ourense.

Árbores, arbustos, flores, plantas aromáticas ou fentos, dotan a Santomé dunha ampla variedade da que iremos dando conta en vindeiros artigos.

As palabras que se empregan para nomear prantas e árbores son algunhas das máis fermosas e curiosas do galego, tendo ademáis unha gran variedade xa que en cada lugar se lles chama de formas diferentes. ¿Coñeces algún outro nome para engadir ao listado de especies que aparece a continuación?

Acacia dealbata: mimosa
Agrostis curtisii: pelo de raposo
Arbutus unedo: érbedo, albedro, borto
Arenaria montana: arenaria
Asplenium adiantum-nigrum: fenta, coandro
Asplenium billotii: fenta, coandro
Asplenium onopteris: fenta, coandro
Asplenium trichomanes: fento das boticas
Bryonia dioica: saltasebes, nabo caíño, nabo da nouza, herba dos torneiros
Castanea sativa: castiñeiro
Celtis australis: virgondoiro, lodoeiro, londón
Cistus salvifolius: carpaza moura
Crataegus monogyna: espiño albar, estripo, estripeiro
Cytisus multiflorus: xesta branca
Cytisus scoparius: xesta negra
Daphne gnidium: trobisco, mataspulgas
Dianthus laricifolius casespitisifolius: caraveliña de Planellas
Erica arborea: uz branca
Erica cinerea: queiroga
Ferula communis: canafrecha
Fraxinus angustifolia: freixo
Genista falcata: piorno arnal
Hedera helix: hedra
Lathyrus latifolius: chícharo bravo, ervella brava
Laurus nobilis: loureiro
Lithodora prostrata: herba das doas
Osyris alba: xesta mansa
Pinus pinaster: piñeiro bravo
Pinus pinea: piñeiro manso, piñeiro real
Polypodium vulgare: fenta
Prunus avium: cerdeira
Pteridium aquilinum: fento común
Quercus faginea: caxigo
Quercus ilex: aciñeira, aciña
Quercus pyrenaica: cerquiño, rebolo
Quercus robur: carballo
Quercus suber: sobreira, corticeira
Rosa canina: roseira brava, agavanzo, silva macho
Rubia peregrina: herba pelegrina
Rubus ulmifolius: silva, silveira
Rumex induratus: acedeira
Ruscus aculeatus: xilbarbeira, xibarda, azoutacristos, rascacú
Tamus communis: uva de can
Teucrium scorodonia: seixebra, teúdo
Ulex gallii breoganii: toxo molar, toxo gateiro
Umbiculus rupestris: couselo, conchelo, orella de frade
Vinca difformis: cangroia, cangroria, cangorza

Santomé tamén é natureza
comentarios